miércoles, 14 de noviembre de 2007

Arquivo da Emigración galega.







GALEGOS NA CONSTRUCIÓN CANLE DE PANAMÁ (1904-1914)


Carolina García Borrazás
Técnico Documentalista do Arquivo da Emigración Galega
Consello da Cultura Galega


Dende principios do século XX países como Arxentina, Cuba, Uruguai ou Brasil recibían os maiores continxentes de man de obra procedente de Galicia. Aínda que Panamá non formaba parte dese grupo de destinos maioritariamente elixidos pola diáspora galega, contaba, sen dúbida, cun atractivo especial logrando persuadir a moitos galegos, que finalmente decidiron poñer rumbo a esta pequena República de América Central. O seu destino principal sería o traballo nas obras de construción da gran canle que uniría os dous grandes océanos, o Atlántico e o Pacífico. A maioría dos españois contratados para as obras eran galegos, recrutados para unir a súa forza de traballo a outros miles de traballadores de distintas nacionalidades e supervisados por superintendentes norteamericanos.
A idea que representaba a construción desta obra heroica da enxeñería mundial xurdira xa en tempos da colonización española, pero non foi ata o século XIX cando aquela idea se materializou. A Compañía francesa “Compagnie Universelle du Canal Interocéanique” (1881-1894)[1] adoptou o emprego de medios técnicos e financeiros, facendo posible a realización dos primeiros traballos baixo a presidencia de Ferndinand de Lesseps, quen anteriormente dirixira a construción da Canle de Suez. A pesar dos esforzos realizados, os logros adquiridos non foron suficientes, e este primeiro intento de facer realidade o soño de moitos fracasou até o punto de non ter outra saída que o abandono ou a venta do proxecto. Non era unha cuestión de falta de aptitudes por parte do enxeñeiros franceses, senón que factores como: a existencia dunha mala organización do traballo, a malversación de fondos, a falta de estratexias axeitadas para combater as enfermedades tropicais como a febre amerela e a malaria que arrasaron coa vida de miles de obreiros, xunto coa insistencia de seguir co proxecto de construción dunha canle a nivel, orixinaron un desenlace nefasto para a Compañía francesa.
Visto o panorama e a falta de alternativas para seguir adiante, optouse polo traspaso dos dereitos e propiedades da Compañía de Lesseps aos Estados Unidos. Deste xeito, os intereses tanto mercantís como políticos por parte dos Estados Unidos levaron á compra de tales propiedades e dereitos en 1904, por un valor de 40 millóns de dólares. Tras establecer unha serie de acordos ou máis ben desacordos con Colombia relativos ao control da vía interoceánica, o Presidente Roosevelt tomou cartas no asunto iniciándose as estratexias de viabilización da independencia do Departamento colombiano de Panamá, para así convertelo na Nova República de Panamá, o 3 de novembro de 1903. De tal modo que, en 1904 os Estados Unidos fanse cargo das obras da canle interoceánica e, dez anos despois, o 15 de agosto de 1914 a grande obra canaleira abríase ao comercio marítimo mundial, iniciándose o tráfico de barcos[2] e permitindo o establecemento da comunicación interoceánica entre o Pacífico e o Atlántico.
Tralo cambio de autoridade, tivo lugar unha nova organización social do traballo en mans estadounidenses, aplicándose un novo sistema que consistiría na importación, catalogación e ordenación espacial dos traballadores, xunto coas medidas de saúde pública adoptadas para erradicar a malaria e a febre amarela.

“Spaniards laborers”. Emigración española cara ao Istmo de Panamá

Tras a sinatura (Washington o 18 de novembro de 1903) e declaración de vixencia (26 de febreiro de 1904) do Tratado Hay-Bunau-Varilla, moitos emigrantes galegos escollerían este novo destino. A continuación pódese observar a demanda de man de obra vinculada ao fenómeno da inmigración estranxeira, que logo sería clasificada segundo os perfís establecidos polas autoridades da Administración da Canle:

Artigo XII. El Gobierno de la República de Panamá permitirá la inmigración y libre acceso a las tierras y talleres del Canal y a sus obras auxiliares a todos los empleados y obreros de cualquiera nacionalidad que estén contratados para trabajar en el Canal o que busquen empleo en él o que de cualquier manera estén relacionados con el mencionado canal y sus obras auxiliares, con sus respectivas familias, y todas esas personas estarán exentas del servicio militar de la República de Panamá.
A distribución da forza de traballo adoptou claras connotacións de segregación racial, tomando como escusa a variada procedencia dos traballadores importados para as obras de construción. A categorización da man de obra quedaría adscrita ao sistema “gold roll” (the gold men) e “silver roll” (the silver men).
Por unha banda, os traballadores pertencentes ao sistema “gold roll” (nómina de ouro) eran traballadores norteamericanos, desempeñando fundamentalmente traballos que requerían certo nivel de cualificación (oficina, mecánicos, enfermeiras, capataces, …). O salario era percibido en moedas de ouro norteamericanas. A súa xornada laboral era de 8 horas, tendo dereito a seis semanas de vacacións. Por outra banda, atopábanse os traballadores do sistema “silver roll” (nómina de prata) que farían, maioritariamente, o traballo de pico e pala (“pick and spade”). Nesta categoría entraban os obreiros europeos e antillanos, eran os “unskilled laborers” ou obreiros non cualificados. Cobraban un salario en prata pañameña e con xornadas de 10 horas. Cómpre sinalar que o salario dos antillanos era incluso inferior ao dos europeos, detalle que marcaba aínda máis as diferenzas raciais.
Existiron varias escalas de clasificación dentro destes dous grupos de organización laboral. O Profesor Luís Navas Pájaro cóntanos como unha comisión investigadora nomeada polo Presidente Roosevelt, descubriu uns 751 diferentes tipos de pagamento entre os empregados do “Silver Roll” e uns 400 entre os adscritos ao sistema “Gold Roll”.
Pódese afirmar que a categoría á que pertencía cada traballador determinaba o seu propio estatus dentro da Zona da Canle.
Tras a dimisión do enxeñeiro-xefe John F. Wallace, o enxeñeiro John Stevens quen pasa a substituílo, formará un bo equipo co Director do Departamento de Sanidade da Comisión, o Coronel William Crawford Gorgas no novo plan de saneamento da Zona da Canle, apoiándoo na idea de “sanear primeiro e escavar despois”.
Aínda que algúns traballadores españois xa participaran na etapa francesa da construción da canle, a contratación do groso da man de obra española comeza a realizarse na etapa estadounidense, con Stevens ao mando, a partir de 1905. Precisando un pouco máis, podemos afirmar que o maior volume de españois dáse entre 1906 e 1908[3]. Os obreiros españois constituíron o 18,39%[4] do total de forza de traballo investida nesta gran obra de construción, na que participaron arredor de 45.000 estranxeiros. Ocuparon o segundo posto numérico despois dos traballadores antillanos, e o primeiro na lista de nacionalidades europeas.
Como é ben sabido, existían axencias da Comisión da Canle espalladas polos países de recrutamento de traballadores. En España realizábase a divulgación dun folleto que contiña abondosa e minuciosa información sobre as condicións nas que os emigrantes españois se incorporarían ás cuadrillas de traballadores contratados pola Panama Canal Commission (PCC).
Entre 1906 e 1908 arredor de 12.000 traballadores europeos foron contratados polos axentes da Canle. En 1906 a cantidade de obreiros europeos era insignificante no Istmo e dada a insatisfacción por parte da Comisión da Canle con respecto aos traballadores “West Indians”, fíxose a proposta de integrar uns 2.500 chineses coa prerrogativa de incrementar o número a 15.000. No entanto, as cousas tornáronse doutra maneira obténdose forza de traballo proveniente de Europa. Chegaron algúns rusos e dos países bálticos pero, ao parecer, foron incapaces de soportar o traballo, e os escasos franceses non estaban dispostos a realizar traballos de pico e pala. A maioría procedían de Grecia, Italia e España, cada un destes países enviaron ao principio o mesmo número de traballadores. Segundo as fontes norteamericanas, os gregos parecían estar “fisicamente menos preparados” que os italianos e os españois, e no mes de abril de 1908 só eran uns 300. Os italianos aclimatáronse moi ben, tratábase de traballadores con gran mobilidade espacial, e o seu número viuse reducido a 500 ou 600 en abril de 1908.
Entre 1906 e 1908 foron contratados uns 8.298 traballadores españois. Aínda que non contamos con cifras exactas pódese afirmar que os galegos representaban o grupo maioritario entre os españois recrutados. Os primeiros galegos contratados para as obras da canle chegaron de Cuba a finais de 1905, pero a maioría foron recrutados en España. Stevens valorábaos moito por ser considerados “duros e traballadores”, reputación adquirida nas obras ferroviarias da Illa de Cuba, de tal xeito que Stevens quixo facerse con 4.000 ou 5.000 destes obreiros.
A pesar de que, segundo o Real Decreto do 12 de novembro de 1908, o Goberno español prohibira temporalmente a emigración a Panamá, a saída clandestina de emigrantes cara ao Istmo foi inevitable incluso anos despois. Vexamos un exemplo:
Emigración a Panamá.- Noticias recibidas en el Ministerio de Estado dan cuenta de la llegada á Puerto Limón (Costa Rica) de un centenar de emigrantes, originarios de Castilla la Vieja y de Galicia, los cuales se encuentran en aquél país en situación angustiosa.
Una mitad de dichos emigrantes han tenido; para atender á su subsistencia, que aceptar colocaciones como peones en las haciendas de café, con un jornal diario de un colón, que dada la carestía de la vida material en el citado país viene a ser equivalente á una peseta; habiendo sido socorridos los restantes por el Cónsul de España.
Como hay muchos emigrantes que por estar prohibida actualmente la emigración á Panamá utilizan para dirigirse á este país el procedimiento de tomar pasaje para Puerto Limón ó algún otro de las inmediaciones, desde el cual continúan su viaje á Panamá, no estará de más insistir en que, por haber comenzado el despido de obreros empleados en la zona del canal, los que allí se dirijan en busca de trabajo no encontrarán colocación y se verán lejos de su Patria sin medios para ganarse la vida.
Texto nº 1: Boletín del Consejo Superior de Emigración, Año III (1911), nº. 33.



Os galegos, unha boa imaxe

Escritos de varios estudosos da organización das obras da “canal zone”, reflicten a consideración dos traballadores galegos por parte das autoridades da vía interoceánica, dando conta non só de cuestións puramente técnicas, nin de custes das obras, senón analizando o compoñente humano das mesmas, representado por grupos de individuos dunhas corenta e cinco nacionalidades diferentes, sen disgregar as entidades territoriais propiamente ditas, o cal duplicaría esta cantidade.
Na Zona da Canle circulaba predominantemente unha opinión positiva, os traballadores españois tiñan boa reputación, chegando incluso a oídos do propio Presidente Roosevelt, quen se amosou coñecedor das súas cualidades:

Message of the President on the Panama CanalCommunicated to the two Houses of Congressby President Theodore RooseveltDecember 17, 1906

Chinese and Other Labor
Of the nineteen or twenty thousand day laborers employed on the canal, a few hundred are Spaniard. These do excellent work. Their foremen told me that they did twice as well as the West Indian laborers. They keep healthy and no difficulty is experienced with them in any way. Some Italian laborers are also employed in connection with the drilling... The American wage-workers on the Isthmus are the highly paid skilled mechanics of the types mentioned previously. A steady effort is being made to secure Italians, and especially to procure more Spaniards, because of the very satisfactory results that have come from their employment; and their numbers will be increased as far as possible...
THEODORE ROOSEVELT
The White HouseDecember 17, 1906”

Aos obreiros españois, contratados para traballos de “pico e pala”, se lles atribuían cualidades como as que seguen: saudábeis, robustos, capaces de soportar a humidade, as chuvias tropicais e as altas temperaturas que caracterizan ao clima do Istmo, aptos para as fortes tarefas de escavación, activos até no seu tempo de lecer, e cun carácter bastante afábel:

“The Spaniards, mainly Galicians and Castilians, were found to be quite equal to the Italians in physique and health, and to give far less trouble, a fact which is attributed partly to the circumstance that most of them came directly from their villages. They are reported to be sober, patient, civil, and quick to learn…That the Spaniard is not oppressed by the tropical heat was apparent to me when watching gangs at work near mid-day at about the hottest time of year, viz., the last weeks of the dry season, towards the end of April. …” (Cornish, 1909: 108-110))

Galegos e casteláns eran os máis valorados, equiparábanse na súa saúde e constitución física aos italianos. Estaban considerados persoas pacientes, cívicas e rápidas na aprendizaxe. Non daban sinais de agotamento ante as elevadas e sufocantes temperaturas do medio día, incluso queixábanse máis os traballadores norteamericanos ou outros europeos que facían traballos menos pesados. Ao parecer non tiñan intención de quedar a vivir na “Canal Zone”, algúns partían segundo o autor cara ao Brasil e, os máis, retornaban á súa terra cos aforros froito do duro traballo. Pero non só este autor destaca as cualidades dos galegos, John Foster Carr manifesta:

The best of all that have yet been tried are the Gallegos. There are life and spirit in their North Spanish blood. They work ambitiously, and earn every cent of their higher wages. I have seen one of earth on a departing car. When the negroes, are lounging in their bunks on Sunday, you can see a party of these Gallegos enjoying a new-found sport by coasting in an old French dumping-car down a half-mile of graded track.
[...] The Gallegos have done so well that more of them are to be imported. (Foster Carr, 1906: 21-24)

Frederic J. Haskin destácaos como superiores aos antillanos e reproduce a idea predominante de que un español ou un italiano podían facer o mesmo traballo que tres negros, “When the Americans first began work it was an accepted dictum that one Spaniard or one Italian could do as much work as three negroes”.(Haskin, 1914: 156)
Podemos afirmar entón que a imaxe social dos galegos era boa de aí, en boa medida, as diferenzas en certas condicións de vida e no pagamento do salario en moeda americana (20 centavos por hora) ou o dobre (40 centavos por hora) en moeda panameña, con respecto aos traballadores antillanos.
En canto ás condicións de contratación establecidas pola Comisión da Canle de Panamá, xurdiu a polémica en canto ao cumprimento de certos servizos, referidos, por exemplo, ao réxime das comidas, a asistencia sanitaria, ou tamén ás medidas disciplinarias polas ausencias ao traballo, a “mala conducta” ou outro tipo de faltas. Ademais falábase tamén de rebaixas salariais e anulacións de contratos pouco xustificadas, xunto ás queixas referidas aos accidentes laborais, … Cabería sinalar a existencia dunha certa diferenza nas condicións de traballo para aqueles obreiros que chegaban ás obras de maneira espontánea, e dicir, sen ser recrutados con anterioridade polas propias autoridades da Canle.
Para concluír, debemos facer especial fincapé no coñecemento da situación real dos obreiros españois, e polo tanto galegos, na Zona da Canle. Existen fontes que nos presentan un panorama sumamente positivo. Así, autores como Juan Manuel Pérez (1998) e, incluso fontes consulares aportan información sobre a boa situación na que se atopaban os españois, a pesar do clima e das enfermidades ás que estaban expostos, gozando de servizos de alimentación e saúde completos.
No entanto, algúns testemuños recompilados por Y. Marco Serra (1998) fan alusión a situacións de abuso por parte de capataces e autoridades da Canle, deficiente asistencia sanitaria, pésimas comidas, vivendas que nada tiñan que ver co prometido, etc. Todo iso ademais do nefasto tratamento e incomodidades padecidas durante a viaxe. Este pensamento é compartido pola Sociedad Española de Beneficencia, que en abril de 1907 infórmalle ás autoridades españolas sobre a “situación real” na que se atopaban os emigrantes españois solicitando de maneira urxente a repatriación dos mesmos, ou a reemigración a países con mellores ofertas.
De calquera xeito, o asunto traspasou as fronteiras do Istmo. O Centro Gallego e o Casino Español de La Habana chegan a enviar a dous delegados co fin de investigar a situación real pola que estaban pasando os obreiros españois en xeral, e galegos en particular. As súas valoracións, tras visitar a Zona da Canle e inspeccionar o entorno dos obreiros, foron de carácter satisfactorio, recollendo incluso testemuñas persoais que acreditaban o goce dos servizos prestados pola Compañía estadounidense, como son o bo estado das vivendas, a asistencia sanitaria ou a alimentación.
Atopámonos pois, ante dúas versións diferentes sobre o que acontecía realmente nas obras. No entanto, debemos supoñer que dada a distribución dos traballadores na “Canal Zone”, habería tanto cuadrillas como capataces que provocarían irregularidades nos mecanismos de acción establecidos polas autoridades. Existen certas características diferenciais que se dan en función de diversas variables que non imos a analizar aquí, pero que convén ter presentes. Finalmente, destacaremos a importancia que cobra o coñecemento desta parte da historia da emigración galega de principios do século XX, que tivo como escenario a Canle interoceánica de Panamá.

[1] A Compañía Universal del Canal de Panamá fúndase o 31 de xaneiro de 1881. A falta de plans de previsión e organización, especialmente en materia de financiamento e recursos técnicos, orixinou certa desconfianza que levou á realización de exhaustivos exames dos estados financeiros, os activos e as condicións técnicas que acabaron coa empresa, creándose así o 21 de outubro de 1894 unha nova compañía denominada Compañía Nueva del Canal de Panamá. A pesar de todo, catro anos despois a situación facíase insostíbel, as prórrogas outorgadas polo Goberno colombiano non foron suficientes, orixinándose así en 1898 as primeiras tomas de contacto cos Estados Unidos. Ver Otero, Luis Alfredo: Panamá. Imprenta Nacional, Bogotá, 1926.

[2] A viaxe inaugural da Canle de Panamá foi realizada polo vapor Ancón o 15 de agosto de 1914, propiedade da Panama Railroad Steamship Line, baixo as ordes do Comandante G. E. Sulkforth. Este barco transportaba pasaxeiros e cemento, recorrendo un traxecto duns 82 kilómetros de largo, durante un tempo aproximado de nove horas e media. Ver: http://www.alonsoroy.com/


[3] En 1906 a Comisión da Canle Istmica contrata a 1.174 españois, en 1907 a 5.293, e en 1908 a 1.831. Ver Jaén Suárez, Omar: La población del Istmo Panamá: del siglo XVI al siglo XX. Panamá, 1978

[4] Marco Serra, Y.: Los obreros españoles en la construcción del Canal de Panamá: la emigración española hacia Panamá vista a través de la prensa española. Editorial Portobelo, Panamá, 1998.